Thursday 18 de April de 2024

O deporte de Miño vive a súa xornada de festa nos ‘I Premios do Deporte’


• O local social A Rúa acolleu hoxe a entrega de premios das diferentes categorías deste certame, que nace coa vocación de consolidarse para recoñecer o mérito de todos os deportistas e entidades do municipio.

• Manuel Vázquez Faraldo, o concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín, e o ex futbolista do RC Deportivo, Javier Manjarín, foron os encargados de entregar os galardóns.

O local social A Rúa foi hoxe, venres 16 de decembro, o epicentro do deporte de Miño, que viviu a súa xornada de festa nos ‘I Premios do Deporte’ creados polo Concello para recoñecer anualmente a aqueles/as deportistas, equipos, asociacións e clubs do municipio, e mesmo adestradores ou directivos, que traballaron de forma destacada a favor da promoción do deporte en cada tempada.

O fenomenal ambiente vivido na gala, que contou coa asistencia de deportistas e familiares así como representantes das entidades deportivas do municipio, reafirma a intención do goberno local de consolidar este certame nos próximos anos.

A finalidade dos Premios do Deporte de Miño é poñer en valor os méritos e capacidades de persoas e entidades deportivas que contribuíron a potenciar a práctica deportiva no municipio ou alcanzaron éxitos en competicións e campionatos.

Os premiados foron:
1. Mellor equipo masculino: AD Miño ‘B’, categoría sénior.
2. Mellor equipo feminino: kaiak de mar CDN Miño.
3. Mellor deportista promesa: María Filgueiras Barcenilla.
4. Mellor deportista masculino: Juan Vázquez Amado.
5. Mellor deportista feminina: Nerea Ramallo Bastida.
6. Á traxectoria deportiva: Rosa Sierra Palmeiro.
7. Mellor adestrador: Lucas García Sanmartín.
8. Mellor evento deportivo: Trail Concello de Miño Boucelo-San Ramón.
9. Deportividade e valores deportivos: Equipo prebenjamín AD Miño.
10. Mellor club: Club Deportivo Náutico de Miño.
11. Mencións especiais: Agustín Riveira Anido, Francisco Javier Riveiro Villanustre, Travesía a nado Praia de Perbes, Judo Club Bemantes.

Os encargados de entregar os galardóns foron o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, o concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín, e o ex futbolista do RC Deportivo, Javier Manjarín.

Na súa intervención, Faraldo deu o parabén a todos os premiados e valorou “o gran nivel de deportistas e clubs que temos en Miño”, sinalando que “estes premios quedan curtos, temos que elixir a un só para cada categoría pero o certo é que poderían ser varios”. “Hai moito e moi bo onde escoller, é para estar satisfeitos”, afirmou.